En dúas datas -o 26 de xaneiro e 16 de maio- publiquei dous artigos no suplemento Fugas que se centraban, brevemente, en libros de e sobre Luísa Villalta publicados este 2024 que dedicamos a divulgar tanto o seu perfil biográfico como o literario. Xunto os dous aquí nun día no que Luísa cumpriría 67 anos.

Da divulgación ao ensaio interpretativo

Estas fronteiras, á falta de posteriores achegas, engloban a orientación das publicacións que estas primeiras semanas do ano nos deixan sobre o percorrido biográfico de Luísa Villalta e, sobre todo, sobre o seu legado literario truncado prematuramente. Diversos formatos para, como é natural, un público moi diverso.

<LUÍSA VILLALTA, MELODÍA DE PALABRAS>

MARÍA CANOSA

*** EDITORIAL XERAIS

PÁXINAS 80  PREZO 12,95 €        

Velaquí un achegamento, para un público novo mais non só, á biografía de Villalta e á súa obra, depositaria dunhas claves que cómpre saber explicar con efectividade. Sistematízase un percorrido que se estende desde os territorios da infancia e da esfera familiar, repara nos anos de formación académica, no seu compromiso social e no seu labor profesional, vinculado coa docencia. Deseña, asemade, os límites deses universos que fundiu esplendidamente nunha produción singular como son o da música e a palabra: trazos que a biógrafa revela con brillantez ao abrazar unha estrutura inspirada nun pentagrama á que, ademais, se une unha breve e ben representativa escolma poética.

<ALMA DE VIOLINO>

BEATRIZ MACEDA / ELI RÍOS

*** EDITORIAL XERAIS

PÁXINAS 48  PREZO 15,50 €        

Acértase, ao meu ver, tanto no ton do discurso como no deseño do corpus plástico neste formato de álbum ilustrado ideado coa intención de divulgar aqueles aspectos máis relevantes de Luísa Villalta. A ilustradora Laura Suárez e o tándem creativo conformado por Beatriz Maceda e Eli Ríos, conseguen peneirar as precisas doses de información previa de maneira que calquera persoa que achegue a este libro será difícil que nela non medre o interese na figura polifacética de Villalta e, abofé, na súa obra poliédrica.

<O LUGAR DAS PALABRAS>

LUÍSA VILLALTA

*** EDITORIAL GALAXIA

PÁXINAS 89  PREZO 12,50 €        

En marzo de 2003 a editorial Galaxia ofreceu en Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004) os catro libros que Luísa Villalta publicou en vida, isto é, Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995) e En concreto (2004). O selo vigués ideou unha antoloxía poética da escritora que escolma composicións acollidas tanto nos devanditos libros como nos póstumos Papagaio (2006) e As palabras ingrávidas (2020) e, mesmo, rescata algúns poemas inéditos  que constitúen parte doLegado Luísa Villalta.

<TINTA DO MAR. PEQUENA BIOGRAFÍA DE LUÍSA VILLALTA>

POLO CORREO DO VENTO

*** EDITORIAL LELA EDICIÓNS

PÁXINAS 32  PREZO 6 €

Ilustrada por Tania Solla na serie “Mulleres galegas”, de Polo Correo do Vento, viu a luz a finais do ano pasado o que foi a primeira achega en forma de publicación sobre Luísa Villalta tras a decisión adoptada pola RAG para homenaxeala co Día das Letras Galegas. Orientada cara a un lectorado novo presenta os trazos biográficos básicos da poeta coruñesa e amosa a súa dimensión creativa onde cobran relevancia a música, a literatura e a actitude reivindicativa como elementos indisociables na configuración da súa memoria.

<SOMOS UN POBO DE ARTISTAS. O MÉTODO LUÍSA VILLALTA>

XURXO SOUTO

*** EDITORIAL XERAIS

PÁXINAS 256  PREZO 17,95 €

O outro lado da música, a poesía, ensaio que Luísa Villalta publicou en 1999, inspira este Da divulgación ao ensaio interpretativo
Estas fronteiras, á falta de posteriores achegas, engloban a orientación das publicacións que estas primeiras semanas do ano nos deixan sobre o percorrido biográfico de Luísa Villalta e, sobre todo, sobre o seu legado literario truncado prematuramente. Diversos formatos para, como é natural, un público moi diverso.
Ramón Nicolás


<ABONDA CON VIVIR>

MONTSE DOPICO

*** EDITORIAL XERAIS

PÁXINAS 192  PREZO 12,95 €

Dopico aplica unha orientación de carácter inequivocamente xornalística a este volume: a xeito de reportaxe e cunha acaída estrutura revisa moitas dimensións, de todo tipo, que suscita a memoria de Luísa Villalta a través de persoas que a coñeceron e tamén doutras voces que interpretan o seu legado literario, alén do labor de esculca persoal, sei que non exento de dificultades. Gustoume a conclusión que obtiven da lectura deste ensaio, isto é, o valor das palabras compromiso e talento no universo Villalta.

<O OUTRO LADO DA MÚSICA, A POESÍA>

LUÍSA VILLALTA

*** EDITORIAL GALAXIA

PÁXINAS 192  PREZO 22,95 €

En 1999 publicouse este libro que se reeditou, por fortuna, hai tres anos. Subtitulado significativamente “relación entre ambas as artes na historia da literatura galega” talvez constitúa un dos libros máis brillantes e lúcidos do noso ensaísmo. Nel interpretaba algúns textos nosos desde un punto da vista diferente tendo presente a restitución da unidade existente entre música e poesía. Velaí como o exercicio de pór en valor eses vínculos conseguiron iluminar conexións esquecidas que sempre estiveron aí.

Seis libros para entrar no universo Villalta

De ollarmos globalmente as achegas que difunden ou descobren o perfil biográfico de Luísa Villalta, que interpretan ou recuperan a súa obra, tradúcense nunha colleita esplendorosa. Alén dalgunhas novidades que salientei hai algún tempo velaquí outra escolma de títulos indispensables para saber máis da protagonista do Día das Letras.

<NARRATIVA REUNIDA. 1991-2001>

LUÍSA VILLALTA

*** EDITORIAL GALAXIA

PÁXINAS 298  PREZO 21,90 €           

Constituía unha absoluta  necesidade facilitar o acceso á súa obra narrativa, conformada por tres títulos diversos en canto a contidos, temáticas e estruturas. As tres pezas –Silencio, ensaiamos, Teoría de xogos e As chaves do tempo (desta última ofrécese tamén unha fermosa edición exenta en Cuarto de Inverno ilustrada por Zaira Barcia)- recuperáronse cun respecto escrupuloso, como a autora desexaría, no que atinxe ás súas escollas lingüísticas orixinais. Tres libros que cómpre ter en conta nese macrotexto global que se tece coa súa poesía, o seu teatro e as súas colaboracións xornalísticas.

<UN RUÍDO PROVOCADO(R). VOCES ARREDOR DE LUÍSA VILLALTA>

MONTSE PENA e MERCEDES QUEIXAS (COORDS.)

*** EDITORIAL LAIOVENTO

PÁXINAS 146  PREZO 16,95 €

É doado conxecturar que Laiovento, un dos selos cos que Villalta sentía maior afinidade, apostou por homenaxeala para o que acudiu ás escritoras Montse Pena e Mercedes Queixas que deseñaron con precisión, ao meu ver, unha cartografía de colaboracións que consegue ofrecer unha imaxe totalizadora, documentada e heteroxénea da autora  ao percorrer os seus perfís vitais e literarios.

            Un total de doce voces, deste xeito, conflúen desde a individualidade máis radical nun proxecto colectivo, construído desde a admiración, a evocación, a investigación e a análise pausada. Imprescindible.

<ESCRIBIR PARA QUEN. RELECTURAS POSÍBEIS DE LUÍSA VILLALTA>

MARÍA XESÚS NOGUEIRA E MONTSE PENA (COORDS.)

*** EDITORIAL UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

PÁXINAS 147  PREZO 15 €

Velaquí o recoñecemento que o Departamento de Filoloxía Galega da USC tributa á poeta. Este faise grazas ao labor de Mª Xesús Nogueira e Montse Pena, responsables dun mangado de “relecturas posíbeis”, que chegan tanto das súas propias mans como das de Marga do Val, Inma L. Silva, D. Vilavedra e Rexina R. Vega que iluminan, respectivamente, a súa achega global, a poesía, o teatro, a prosa ou a recepción e a canonización da súa obra. Por último, os ecos da profesora comprometida que foi abórdanse grazas aos ex-alumnos Adolfo e Carolina Doldán, alén de incorporarse unha breve homenaxe  poética.

<O LIBRO DAS COLUNAS>

LUÍSA VILLALTA

*** EDITORIAL GALAXIA

PÁXINAS 120  PREZO 15 €

Diversas voces reclamaron a relevancia depositada na súa obra xornalística, mesmo para comprender con tino a súa creación literaria xeral que despregou en diversos xéneros, sempre interconectados, cos ecos das artes musicais como fondo ou en primeiro plano.

Por iso resulta acaída a recuperación de O libro das colunas. Publicado postumamente na súa edición orixinal aparece agora nunha edición disposta por Xosé Henrique Acuña e recolle as súas colaboracións xornalísticas que viron a luz en A Nosa Terra entre o 4 de xaneiro de 2002 e o 4 de marzo de 2004, só dous días antes do seu falecemento.

<ASÍ VOU EU, FORMANDO PARTE>

LUÍSA VILLALTA

*** EDITORIAL CHAN DA PÓLVORA

PÁXINAS 232  PREZO 18 €

Cunha cuberta marabillosa que é un caligrama de Villalta dedicado a Pancho Pillado cedido pola súa filla Ana, atrévome a cualificar como modélica esta proposta que incorpora 67 poemas da autora, escolmados con tino e cunha inequívoca vontade representativa do que foi a súa estética e case engadiría do que foi a súa ética. Todo isto grazas ao labor de Eva Veiga e Pilar Pallarés que, alén do seu traballo como antólogas, son as responsables da elaboración dunhas brillantes e  esclarecedoras páxinas que preludian e coroan ese corpus que simboliza, xustamente, os 67 anos que Villalta cumpriría no vindeiro mes de xullo.

<AS ESCUMAS DA LETRA. BIOBLIOGRAFÍA DE LUÍSA VILLALTA>

ESPERANZA L. MARIÑO DAVILA

*** EDITORIAL BAÍA

PÁXINAS 164  PREZO 20 €

Nesta revisión ocupa un papel xustamente destacado o traballo da profesora Esperanza Mariño que aínda hai pouco publicou un ensaio sobre a obra poética de Isaac Díaz Pardo  e, máis recentemente, o seu primeiro libro de poesía: A pousa da libélula.

As escumas da letra convértese nunha cartografía esencial, e extraordinariamente documentada, sobre o periplo vital de Luísa Villalta cunha especial e totalizadora atención prestada á súa obra literaria. Non hai, a meu entender, practicamente nada que se lle escape á biógrafa nunha edición enriquecida cun completo corpus fotográfico e documental.