Fonte AELG

Hai un ano o colectivo literario “A sega”, na celebración do Día das Galegas nas Letras, reclamaba a relevancia da figura e obra da poeta coruñesa Luísa Villalta. O manifesto que se deu a coñecer na ocasión centrábase na singularidade dunha poeta feminista que xerou unha produción desde unha liberdade creativa situada na “contra-ética do poder”.

En efecto, talvez poucas sentenzas contextualicen con máis acerto a traxectoria literaria dunha voz que se ben cómpre situar, por xeración, entre as poetas que comezan a aparecer ao finais dos oitenta e a comezos dos noventa, conformou unha obra totalizadora e global, aínda que truncada prematuramente.

A súa foi unha achega que talvez non gozou do recoñecemento preciso polos seus contemporáneos malia estar, ou talvez por iso, guiada por un espírito independente e libre de mans dadas cun irrefutable talento creativo. Articulou un punto de encontro orixinal, esforzado e probablemente non superado, entre diversas manifestacións artísticas como son a poesía -tantas veces coa cidade da Coruña ao fondo- e mais a música, aplicando decote un rigor indagador e interpretativo pouco común á procura sempre de novas fórmulas expresivas. Mais tamén explorou con tino os xéneros da novela e o relato curto, o ensaio e o teatro, alén do columnismo literario. E a todo iso cómpre non esquecer, porque domina o seu perfil biográfico e se proxecta noutros ámbitos, a súa traxectoria comprometida como activista incansable en numerosos colectivos e plataformas, alén do seu perfil docente da nosa lingua e da nosa literatura, onde tivo sempre presente a importancia da palabra como ferramenta artística e o idioma como realidade irrenunciable que nos une e identifica.

Será este Día das Letras unha oportunidade inmellorable para proxectar e actualizar unha voz heteroxénea e plural nas xeracións máis novas. Unha presenza que emerxe desde a proximidade e que deberiamos calibrar sen nunca perder o norte das instancias que xeraron unha obra senlleira perdurable e vixente.

No poema “Nomes”, do seu libro póstumo En concreto escribiu que “os lugares gardan instantes humanos no seus puños fechados: son os nomes”. O lugar e o nome, para o 2024, é o de Luísa Villalta.

Este artigo publicouse nas páxinas de Cultura de La Voz de Galicia, o 30 de xuño de 2024, ás poucas horas de que a RAG acordase dedicarlle á poeta coruñesa o Día das Letras 2024.