As páxinas culturais de La Voz de Galicia de onte, día 16 de xullo de 2024, acolleron unha colaboración miña na que subliño a importancia da reedición de Papagaio, de Luísa Villalta e Maribel Longueira. Déixoo a continuación para as persoas interesadas (fotos de Kalandraka na presentación do libro na Coruña).

Constituía un clamor para moitas persoas -entre as que me encontro- que precisamente este ano non se puidese acceder a un libro como o titulado Papagaio: un proxecto artístico sobranceiro ao que Luísa Villalta deu insuperable forma poética inspirado nunhas espléndidas fotografías grazas ás que Maribel Longueira deixou testemuño gráfico da derruba do barrio coruñés homónimo, vítima da especulación inmobiliaria. Imaxes que, ao mesmo tempo, latexan desde o silencio para revelar a singularidade dun territorio habitado por mulleres dedicadas á prostitución. O libro, que contiña sesenta e seis fotografías de Longueira e dezanove poemas de Villalta, publicárase orixinalmente no ano 2005 na editorial Laiovento e, hoxe en día, resultaba practicamente imposible atopar sequera un exemplar.

A editora pontevedresa Kalandraka, pasada a data simbólica do 17 de maio e nunha aposta valente por estender esta celebración literaria e identitaria que todos os anos nos suxire a Real Academia Galega, aventúrase con este proxecto de reeditar este volume co que ademais persegue festexar a memoria de Luísa Villalta este 15 de xullo, cando faría sesenta e sete anos.

Velaquí, ao meu ver, un magnífico agasallo, pois, que se nos fai ás persoas interesadas na difusión dos ángulos que compoñen o traballo poético de Villalta. Esta reedición, escrupulosamente respectuosa co orixinal, incorpora unhas fecundas e clarificadoras páxinas limiares ad hoc de Eva Veiga: palabras que son unha obriga ler e que, con tanto acerto, sintetiza o libro como “unha luminosa aurora a emerxer do caos”. A este texto séguenlle unhas reflexións introdutorias, que aínda resultan conmovedoras, de Francisco X. Fernández Naval e que xa completaban a edición orixinal.

Os poemas de Papagaio, que xunto coas imaxes de Longueira tamén se converteu no nome dunha exposición que percorreu algunhas vilas e cidades do país, encabézanse por un fragmento dunha cantiga medieval do rei portugués Don Dinís e destilan en ocasións unha ironía agre que transloce o verdadeiro rostro do poder, da hipocrisía, das ignominias e da deshumanización. Poemas que, como ben dixo Ana Romaní, conseguen unha fusión infrecuente pois “auscultan a respiración das fotografías, escoitan o seu pulso”. Algo que só podería conseguir un talento como o que atesouraba Luísa Villalta.