Este pasado venres celebrouse no Liceo de Ourense, e co apoio da Sección de Literatura da Real Academia Galega, un encontro que quixo evocar tanto a figura de Manuel Luís Acuña no seu 50 cabodano como reivindicar o legado literario que nos deixou a xeración de 1925. Ademais de numeroso público interesado asistiron varios familiares do poeta, entre eles, a súa filla María Teresa.

De Acuña, e do que se realizou sobre o seu legado literario e humanístico nos últimos anos, alén dunhas palabras introdutorias miñas, falaron os profesores Carlos L. Bernárdez, Xoán C. Domínguez Alberte e, finalmente, o profesor Xesús Alonso Montero, que se detivo en diversos momentos creativos do poeta e a quen lle agradezo que me agasallara co recordatorio do falecemento do autor, escrito en lingua galega e que reproduce o poema “Alcipreste”. Asemade, a poeta ourensá Yolanda López recitou varios poemas de Fírgoas e brindounos, para rematar o acto, un poema inspirado no autor ourensán homenaxeado e que por cortesía da autora reproduzo abaixo.

Grazas a todas as persoas que fixeron posible esta homenaxe e a todas aquelas que nos acompañaron. Grazas tamén a Yolanda Carbajales pola fotografía do acto.

Vólvome fenda aniñando alalás na noite.

Rondas ouleando herbas de namorar,.

Loba no berce do vento.

Ecoan as bicas nun Trives poliédrico.

Ceminterio e espello na alborada.

Camiñante cara Sabadelle,

alalá que alá me volvo zoca polo monte.

E sopran os meus beizos na friaxe núa,

afiadora ceibe,

mendiña de versos luceiros.

Sacho na terra,

segadora da man de Amparo,

mentres tezo poemas coa esmola limpa do río.

Son a miniña que baila entre neboeiros de prata,

vampírica vidente na pregaria do pobo.

Son meu na badalada da desorde,

eu cara min dende as adentras

dos meus ollos estrelados,

a paradoxa dun deus escalando

ceos coa Santa Compaña.

Grisácea na fisura acuñá,

famenta na busca do romance doce.

Sinto amante a saudade do trebón,

o lume do raio, o lume do latexo.

Regueifa de soedades, regueifa de estirpes,

e carrexo penas entre lúas invernais.

Os nenos ao meu carón arrolan caracois,

peitean sorrisos,

acróbatas da inocencia lonxe do medo.

Caso en segredo,

corazón-panxoliña, corazón-rousinol.

Deixa que me conte o pétalo

onde van os silencios, deixa…

Caso no canto do espanto,

caso comigo e ardo roseira en flor.

Vide nenos á romaría,

anxos moinantes no frío e na fame,

vide miniños polo pan a Belén.

Se eu fora nube,

se eu fora lúa,

se eu fora estrela.

A brancura no presentimento da xustiza,

a xustiza pola man,

a xustiza e a verdade,

fírgoas que me converteron en bágoa,

fírgoas que me fixeron muller.

Yolanda López