Banquete galeguista a Emilia Docet e a Manuel Luís Acuña (no centro) no hotel Miño de Ourense en 1933. Á dereita Otero Pedrayo e á esquerda Álvaro Cunqueiro.

Lía días atrás un sólido artigo escrito por Guillermo Busutil no que se preguntaba, a máis de dous anos vista, polas expectativas que rodeaban a conmemoración da chamada “Generación del 27”. Esa lectura activou eses resortes que atinxen á saúde e á historia do noso sistema literario e cultural que, por fortuna, atesouramos e fíxome pensar en que burato negro ía quedar a reivindicación desa xeración propia,  denominada de diferentes modos (das vangardas, do 22, novecentistas, etc.) e hoxe comunmente aceptada e consensuada como xeración de 1925, tal e como a nomeou hai tempo X.L. Méndez Ferrín, aplicando a terminoloxía do musicólogo Bal y Gay. Velaí como estamos ás portas do que entendería como unha necesaria revisión e actualización sobre as claves da devandita xeración. A preocupación é maior cando hai uns días o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude presenta o calendario do libro e da lectura que recolle as datas máis salientables do ano vindeiro coas actividades incluídas na programación das bibliotecas, escolares e non só,  para o 2025: un mapa, ninguén o dubida, que serve para orientar os focos de atención cultural que debemos promocionar e agarimar. Na  información que puiden consultar esta posible conmemoración é inexistente.

            Non é a miña vontade aquí subliñar os valores incontestables dun conxunto de voces sobranceiras -verdadeiros clásicos- entre as que se atopan as de Manuel Antonio, Luís Amado Carballo, Fermín Bouza Brey, o Cunqueiro de preguerra, Xulio Sigüenza, Euxenio Montes, Evaristo Correa Calderón, o meu apreciado Manuel Luís Acuña ou mesmo Federico García Lorca, poeta alófono en lingua galega, entre outras. Non persigo aquí, nin tería sentido, explorar todos aqueles elementos que merecerían ser analizados mais só cito, a modo de exemplo, todo o que podería dar de si no que se refire á interacción dos postulados literarios cos artísticos daquela época ou afondar nas tensións existentes no sistema literario daquela altura.

Teño para min que é unha obriga, e aínda estariamos a tempo, a de deseñar un necesario programa que difunda, poña en valor, rescate e actualice a transcendencia do labor destas persoas e do seu traballo: a organización dalgún encontro ou congreso ou a reedición, divulgativa por exemplo, das obras dos autores arriba nomeados non debería ser imposible. Abracemos e alentemos un obxectivo que amosaría ademais como, en contextos difíciles e  hai cen anos, confluíron entre nós un feixe de voces poéticas novas e brillantes, xunto con outras que seguían un proceso creativo diferente, que esixían un espazo propio e que o conseguiron. Honrar, honra.

Este texto de opinión publicouse nas páxinas de Cultura de La Voz de Galicia o 16 de decembro de 2024. Agradezo a súa acollida neste medio.