Polo xeral, nestas datas, deixo no blog ou nas páxinas de La Voz de Galicia un apuntamento breve sobre algunhas das citas culturais e literarias para o ano vindeiro. Nalgunhas ocasións, sobre todo cando algunha institución dá o paso adiante, alégrame que se convertan en algo case tanxible. Malia todo, é numeroso o número de efemérides relevantes que pasan sen pena nin gloria (remito ao apuntamento que deixei por aquí o ano pasado) ou que ás veces son celebradas por especialistas que valen para todo.

Para este 2025, alén do acerto que supón a escolla das cantareiras e a poesía oral popular para a celebración do Día das Letras, da celebración do 75 aniversario do pasamento de Castelao e da fundación da Editorial Galaxia, fóra doutras datas literarias que sospeito se ignorarán, o sesquicentenario tanto da publicación das  Dez Cartas ôs Gallegos e de Espiñas, Follas e Froles do cada vez máis esquecido Valentín Lamas Carvajal como do nacemento de Manuel Gómez Román: arquitecto e académico da RAG.

No 2025 tamén se cumprirán cen anos do falecemento de Enrique Labarta Pose e un centenario especial como é o que remite á cantidade de publicacións que viron a luz na chamada revista Lar. Non quero esquecer o setenta e cinco aniversario do falecemento de Francisca Herrera Garrido e de Armando Cotarelo Valledor.

Por último, un repaso rápido por algunhas das publicacións que viron a luz en 1975 e que, por tanto, cumprirán 50 anos. Velaí Os inmortais, de X.I. Taibo; A morte de Frank González de X. Fernández Ferreiro e mais Xoguetes para un tempo prohibido, de Carlso Casares, que fora galardoada ademais co premio literario que ese organizara para celebrar o 25 aniversario da Editorial Galaxia.

Cumpre cincuenta anos a publicación dun dos libros máis salientables de Celso Emilio Ferreiro como foi Onde o mundo se chama Celanova, alén doutros libros de poesía como Non vexo Vigo nin Cangas, de Bernardino Graña ou Oriolos neneiros, de Dora Vázquez.

Por último, no xénero teatral cómpre salientar varias pezas de Euloxio Ruibal e de Manuel Lourenzo, alén do Teatro de máscaras, de Otero Pedrayo e de O ferreiro de Santán e Taberna sin dono, de Manuel Varela Buxán.

Dúas iniciativas máis cumpren igualmente cincuenta anos como foron as revistas Vagalume e Nordés, esta última fundada por Luz Pozo e Tomás Barros.