É habitual que a comezos de ano se dean a coñecer comunicados que orientan sobre os recoñecementos institucionais que. dun ou doutro xeito. ocuparán un espazo central na atención cultural. Con certeza, entre estes, contarase coa difusión da biografía e obra literaria de Luísa Villalta (1957-2004), homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024 por decisión da Real Academia Galega como a figura do escultor cambadés Francisco Asorey (1899-1961), que centrará a atención ao ser escollido como protagonista do denominado Día das Artes Galegas tras a decisión da Real Academia Galega de Belas Artes. Figuras ás que se unirá a de Anton Tovar (1921-2004) a instancias do Parlamento de Galicia que demandou á Xunta de Galicia pór en valor a figura do poeta ourensán no seu vinte cabodano.

          Conviría, ao meu ver, non esquecer outras posibilidades que nos ofrece este 2024. Velaí como no ámbito vinculado coa prensa histórica hai cen anos estreábase a rotativa do xornal autonomista El Pueblo Gallego, que desde Vigo cumpriu, ata o seu peche a finais dos anos setenta do século XX, un papel relevante como medio de comunicación de proxección galega. Igualmente foi nese ano cando botou a camiñar a revista lucense Ronsel, ecléctica e vangardista e, en Buenos Aires, a revista Céltiga, da que chegarían a ser directores literarios Eduardo Blanco-Amor e Ramón Súarez Picallo. Neste mesmo territorio cómpre lembrar que hai cen anos tamén se fundou a editorial Lar, dirixida por Leandro Carré e administrada por Ánxel Casal, que publicaría no primeiro número da revista homónima a novela A miña muller, de Wenceslao Fernández Flórez: o comezo dun proxecto que completaría exemplarmente un total de corenta novelas curtas en lingua galega ata o ano 1928.

          Cunha filiación máis estreita con efemérides literarias sería acaído revisar a figura de Xoán Vicente Viqueira, falecido en 1924, e a quen, xustamente hai cincuenta anos, se lle dedicou o Día das Letras Galegas, datas nas que tamén aparecía o primeiro fascículo da histórica Gran Enciclopedia Gallega ou falecían tanto o pedagogo e escritor Albino Núñez como Silvio Santiago, autor de Vilardevós e O silencio redimido.    

Por mor do centenario do seu nacemento sinalamos apenas dous nomes, teño para min que moi relevantes, como son Manuel Cuña Novás, o autor do importantísimo Fabulario novo (1952) e o narrador, xornalista e poeta tomiñés Eliseo Alonso, que esixe unha compilación e publicación da súa obra completa. Igualmente, xa nos eidos da arquitectura e das artes, velaí neste 2024 os centenarios de Andrés Fernández-Albalat, Tino Grandío e Arturo Baltar.

Eliseo Alonso

          Acrecento unhas referencias finais a libros que sería bo reeditar ou simplemente evocar. Por exemplo: que doado sería articular unha edición facsimilar do libro de poemas D´Outono, de Gonzalo López Abente, publicado pola editorial Ronsel en 1924 e que incorporaba nove magníficos gravados de Cebreiro ou a presenza de edicións especiais que subliñasen a importancia de títulos que viron a luz en 1974 como foron Teatro pra a xente, de Blanco-Amor; Elipsis e outras sombras, de Méndez Ferrín; Lar de Xosé Neira Vilas; Os eidos 2 de Uxío Novoneyra ou Non debían medrar, de Lueiro Rey, entre outros. Oxalá algunha destas iniciativas últimas se convertan en realidade.

As páxinas de información cultural de La Voz de Galicia acolleron, o 3 de xaneiro de 2023, este artigo.