María Álvarez Landesa

Os pozos elegantes das clavículas (limiar de Míriam Ferradáns)

Alvarellos, Santiago, 66 páxinas, 14,50 €, 2024.

Recomendáronme, hai xa algún tempo, a lectura deste libro. O feito de que sexa finalista na modalidade de poesía dos premios Follas Novas do Libro Galego talvez actuou de acicate para acceder ás súas páxinas e non me arrepinto, en absoluto, do tempo investido en achegarme a este Os pozos elegantes das clavículas, de María Álvarez Landesa.

Álvarez Landesa, así pois, neste que é o seu segundo libro de poesía, estrutura un percorrido nada doado e que sospeito esforzado arredor do concepto, e da vivencia sobre todo, da perda e da orfandade tras a morte. O proceso e a experiencia da doenza, da dor compartida, da soidade ás veces coa que se enfrontar á realidade e a despedida fai que este libro albisque a presenza, igualmente, dun período de dó que se achegará, neste caso, logo do adeus á nai.

Un testemuño de vida malia falar da morte; un eco de biografía que conclúe pero que latexa nas palabras e no papel. Xorden nestes poemas, deste xeito, un rodopío de evocacións asociadas á figura materna mais non só pois tamén son recordos -obxectos, ulidos, sabores, sensacións, aprehensións- que configuran un pasado que xa non volverá e un futuro, dalgún xeito, incerto. Evocacións, por veces sometidas a unha escasa peneira lírica, que nos sitúan ás claras nese proceso intenso e progresivamente inapelable que é a percepción inminente do baleiro e, como se dixo arriba, da orfandade, de mans dadas cun tributo de recoñecemento e amor.

Un gran libro a ter en conta que conta cun limiar, moi recomendable, da gran Míriam Ferradáns. Ademais, inclúe un código QR onde se pode escoitar á autora recitando algúns dos seus poemas coas bases musicais do compositor Paco Dicenta.