Brigitte Schwaiger

Como chega o sal ao mar (tradución de Rosa Marta Gómez Pato)

Huguin e Munin, Santiago, 126 páxinas, 15 €, 2024

A escritora austríaca Brigitte Schwaiger (1949-2010) probablemente sexa hoxe unha voz que o paso do tempo e a escaseza de vasos comunicantes con outras literaturas, como ocorre coa de expresión alemá, constitúa unha presenza pouco coñecida e, por tanto, escasamente valorada. Para atenuar esta situación chega, da man de Rosa Marta Gómez Pato e traducida directamente desde o alemán, a novela Como chega o sal ao mar que, segundo os historiadores da literatura, foi a que lle deu unha maior sona á autora tanto polo éxito de vendas que supuxo a finais da década dos anos setenta do século pasado como polas traducións que gozou a diversos idiomas.

Non é esta unha novela compracente e talvez dialogue coa súa derradeira obra titulada Fallen lassen (2006), que se detén na análise da psiquiatría e na súa experiencia coa enfermidade mental. Neste caso, instálase nunha áxil estrutura fragmentaria que posibilita ir completando as mudanzas e experiencias vitais dunha protagonista feminina en primeira persoa cun verdadeiramente espectacular dominio do fluxo da conciencia da voz narradora. Esta será a que revela como vive apreixada nun matrimonio monótono e mergullada nas convencións sociais da pequena burguesía da Austria de mediados do século pasado. Todo isto é o que rexeita a través dun proceso mediante o cal se reafirma na súa personalidade malia que isto non faga senón afastala dos demais e convencela de vivir dentro dunha espiral construída pola chamada melancolía e da que é tan difícil saír.

Nunha sorte de remuíño alimentado pola frustración e por sentirse alguén que non é quen de encaixar, a novela expón cun innegable espírito crítico, por veces humorístico,  pero sempre con rotundidade, asuntos como o casamento temperán, as pegadas no entorno familiar do nacionalsocialismo, as violencias cotiás, a infidelidade ou a depresión.

Hai, inequivocamente, ecos de carácter biográfico nesta proposta se se repara no percorrido vital de Schwaiger cuxo cadáver apareceu á beira do río Danubio en Viana, probablemente por suicidio. Ao meu ver o verdadeiramente interesante é ese estilo depurado, case enxoito, que fai seu para evidenciar as dimensións que pode atesourar a perseveranza no que se cre e a propia resistencia.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem”, o 2 de xullo de 2024.