Xosé-Henrique Costas González

A fala de Vigo

Área de Normalización Lingüística-Universidade de Vigo, 48 páxinas, 2024.

Lin, en canto chegou ao meu centro de traballo, esta proposta de divulgación científica do meu prezado Quique Costas. Fíxeno entre corrección e corrección, entre revisión de traballos e outras tarefas que apreman nestas datas e, certamente, foi un bo complemento para futuras proxectos docentes que se farán tendo en conta esta publicación.

Na realidade, e antes de que pase máis tempo, tan só quero deixar constancia do meu agradecemento ao autor por darlle forma de libro que foi na súa orixe, alén dun traballo de campo dilatado no tempo, unha encarga da asociación de voluntariado lingüístico Faladoiros-Vigo, logo convertida nunha conferencia e agora tanto en papel como en liña unha revisión dos trazos propios da nosa variedade dialectal.

O traballo de Costas, alén dos tópicos reiterados de “patatillas”, etc., revela uns trazos comúns no galego de Vigo que moitas persoas sospeitabamos e manexabamos mais que ninguén, até o de agora, considerou compilar e sistematizar de maneira clara e didáctica como aquí se ofrece. Cadaquén, entre quen estea interesado, vai vivir unha experiencia propia na lectura desta investigación. No meu caso a lectura foi completa, isto é, listaxes de antropónimos, vocabulario e expresións fraseolóxicas incluídas, o que tivo o poder de activar evocacións dos usos dun léxico e duns xiros que non podemos perder e que entendo como ensinante unha obriga transmitir: o uso de “querer” cun valor de demandar ou esixir (“esta parede quere pintada”), “rau” como reforzo expresivo dun insulto (“sal de aí, rau parvo”) “lóbregho” (un local sen dividir), “falou Varela”, “non ter paraxe”, “ir pór os bancos” (para min ir moi cedo a Balaídos), o fermoso “barco-da-vella” ou un cachimán por só citar algúns exemplos.

Un traballo, un libro que entendo como unha alfaia e que encerra unhas potencialidades didácticas a ter moi en conta. Beizón!