Carlos López

Bardofildo

Medulia, A Coruña, 108 páxinas, 17,90 €, 2025

Á longa traxectoria de Carlos López como prosista, que conxuga a ironía, o humor e, se se quer, un non sense apto para todo tipo de lecturas non  sei se en recorrente homenaxe ao irrepetible e magnífico Edward Lear, acrecéntase nestas datas unha nova achega narrativa como é Bardofildo: noveliña de carácter xuvenil talvez pero, como é norma no autor, suxeita a diversos niveis de lectura.

            É de agradecer, en primeira instancia, que Carlos López siga a tripar o camiño da ironía e do humor entre nós; trazo que certamente non é en absoluto nada común entre a nosa produción literaria xerando no seu caso unha comicidade que arrastra, e iso é algo que a singulariza, a sentir solidariedade e empatía polo personaxe  central. López segue a ser fiel a uns principios que comezan por solicitar sutilmente a precisa complicidade para que entendamos a estrañeza e o absurdo como algo posible que se pode dar e que se dá na vida cotiá. Alén diso, súmeselle a inequívoca axilidade narrativa que o autor exhibe e o desenvolvemento dun argumento cuxo interese máximo, talvez, sexa o de abrirnos recorrentemente ventás á fantasía, ao inesperado e ao imprevisible. Unha práctica semellante a quen colle cereixas, e enténdase historias, dunha cesta infinda, de mans dadas co humor e a ironía.

Velaí, así pois, como en Bardofildo, novela de personaxe loxicamente, vai revelándose e tomando forma un ser acompañado sempre dunha negra sombra perenne que, alentando nun territorio que mestura o real e o imaxinario, nunca chega a atopar un traballo no que se sinta cómodo, nunca pode realizarse nin realizar o que se lle pide. Sempre agroman, aquí e acolá, impedimentos que constrúen unha biografía de fracasos e tristeza, que o converten na súa perspectiva nun estorbo porque non é quen, sequera, de dar sombra.

Non é menor, neste libro, a relevancia que adquire o corpus de ilustracións que subscribe o propio autor: imaxes onde a presenza do lúdico é prioritaria, a carón do pulso imaxinativo que as domina nunha técnica próxima ás colaxes, que tan ben acompañan a un novo texto suxestivo, unha vez máis, de Carlos López.

Esta recensión publicouse nas páxinas culturais de La Voz de Galicia o 4 de xuño de 2025.