
Carlos López
Mediometrópole e os superheroes
Xerais, Vigo, 120 páxinas, 12,95 €, 2023
Carlos López, un dos integrantes dese dúo de humor gráfico ao que nos achegamos cada mañá chamado Chinto & Pinto para asomármonos con espírito crítico á actualidade, exhibe unha longa traxectoria como narrador en solitario, en ocasións para público adulto e noutras para un lectorado máis novo.
Nesta ocasión Mediometrópole e os superheroes (Xerais), que conta cun fantástico corpus de ilustracións a cargo dun dos grandes neste campo como é Xan López Domínguez, constitúe unha peza que segue a transitar polos valores que caracterizan ao autor, isto é, a súa recorrente perspectiva humorística, en ocasións desas que deixan o sorriso pintado na boca durante moito tempo, unha manifesta axilidade narrativa e a creación dun ocorrente e singular mundo imaxinario que case me atrevería a definilo como desbordante e que, nesta ocasión, percorre unha liña argumental fantástica da que nos fai cómplices desde as primeiras páxinas e que, ademais, goza do valor de nunca resultar previsible.
Velaí como o autor sabe construír nestas páxinas un universo susceptible de múltiples lecturas no que, tras un comezo que nos lembra aquel Don Celidonio, o alcalde de Oria que inmortalizou Risco no seu O porco de pé, neste caso modernizado por ter que arrostrar un novo reto: a chegada dun saurio mutante chamado Morzilla contra o que resulta imposible loitar. A peza ofrece un xiro argumental que derivará cara a ofrecer unha homenaxe ao mundo de ficción constituído polos superheroes e superheroínas, descritos desde aqueles elementos que lles conceden a súa propia identidade e que van dos máis clásicos ao máis contemporáneos, dos que naceron na prensa gráfica ata os que foron popularizados a través do cine, ollados sempre desde as ferramentas que ofrecen a ironía e o humor, para integrarnos nunha espiral continua alimentada por chiscadelas paródicas dun xénero que, inequivocamente, pesou e pesa na formación lectora de tantas persoas.
Hai historias, fíos argumentais suxestivos, que nesta novela quedan por contar: que o autor non se esqueza delas para vindeiras entregas.
Esta recensión publicouse nas páxinas de Cultura, de La Voz de Galicia o 2 de agosto de 2023.