VV.AA.

O libro das abellas

Apiario, A Coruña, 80 páxinas, 20 €, 2024.

Unha celebración, por suposto, é o que significa este libro. Unha celebración que debería sentirse e apreciarse no panorama das novidades poéticas en lingua galega. Velaquí unha iniciativa que parte de convocar un feixe de voces para conmemorar dez anos da traxectoria dun selo editorial senlleiro como é Apiario que entende o proceso editorial de maneira case artesanal. O libro, así pois, constrúe un favo onde gorentar vinte e un hexágonos con alvéolos distintos e individuais pero, ao mesmo tempo, coidados co requinte e agarimo habitual que desprenden as mans de Antía Otero e Dores Tembrás.

Alén disto, alén dos poemas ou das propostas literarias verdadeiramente diversas e sorprendentes, que reparan na biodiversidade en moitos casos e tamén nunha visión existencialista ou intimista noutros, o libro culmina cun epílogo brillante guiado pola sabedoría e pola intepretación sempre certeira da profesora María Xesús Nogueira.

Beizón a Apiario por querer así os libros, por depositar neles o mellor de vós, por ser e por seguir sempre adiante.