Intento aplicar moitos filtros antes de abordar a lectura dunha obra que non sexa en lingua galega entre outras razóns porque a literatura no noso idioma sempre gozará de prioridade pra min e o tempo que un pode investir para as lecturas é o que é. O ano pasado gustoume moito La llamada de Leila Guerriero e, claro é, Martinete del rey sombra, de Raul Quinto. Hai poucos meses oín parcialmente unha entrevista a un escritor andaluz chamado David Uclés, que acababa de publicar La península de las casa vacías: unha novela sobre a guerra civil, asombrosa e ambiciosa desde as páxinas iniciais ao que puiden confirmar e na que se estou embarcado. Con todo, unha das razóns que me sorprendeu do libro foi a escolla da ilustración da cuberta: un fragmento de “La romería”, de Rafael Zabaleta, que asociei inmediatamente a algunhas obras de Isaac Díaz Pardo e, tamén, á ilustración que este último enviara para formar parte da homenaxe ao poeta e mestre republicano represaliado Manuel Luís Acuña (Xerais, 2000): un dos libros -hai anos esgotado- que me esixiu un maior esforzo como autor e coordinador literario pero que conseguiu un acabado estético e de contidos creo que inmellorable. Acuña, por certo, de quen este ano se debería celebrar o seu cincuenta cabodano: algo cumpriría facer para impulsar esta causa que significa Acuña na poesía e no maxisterio de Galicia no século XX.