Clara Pino e Ángeles Garrido
As trobadoras silenciadas
Elvira, Vigo, 176 páxinas, 18 €, 2025
Aborda Clara Pino, tras Fenómeno fan que supuxo o seu primeiro libro de poesía, un proxecto poético-musical-artístico baixo o título de As trobadoras silenciadas que conta cunha luminosa e espléndida intervención, ou diálogo artístico, a cargo de Ángeles Garrido que supón un dos inequívocos méritos da publicación.
Neste libro Clara Pino adopta, maioritariamente, unha estratexia inspirada, como noutros precedentes extrardinarios da nosa tradición poética, en paratextos que situamos na música, quer na tradición popular galega quer noutros referentes musicais máis ou menos contemporáneos e, noutras ocasións, en breves sentenzas que contribúen a suxerirnos o camiño que a autora quere percorrer e situarnos nun ronsel concreto como o que alimenta por unhas voces e presenzas rescatadas que case nunca foron obxecto de atención e que articulan por volta de oficios invisibilizados: mulleres en ocasións tantas veces ameazadas na súa integridade persoal e que se focalizan en traballos como foron, e nalgún caso son, os das muiñeiras, tabaqueiras, colareiras, leiteiras, redeiras, carpideiras, labregas ou aleitadoras entre outras que desempeñaron labores de escaso ou nulo recoñecemento social.
O corpus de ilustracións de Ángeles Garrido e mais a palabra de Clara Pino, sempre de mans dadas coa música e que aquí exhibe unha estrutura circular que conecta o primeiro e o derradeiro poema, ofrecen arestora esta proposta reivindicativa que é tamén un libro de historia: da historia das Mulleres con maiúscula, malia seren historicamente sometidas á indiferenza e tantas veces ao desprezo.
