Marco García Baquero
Ulla, Ulloa, ulloáns
Medulia Ed., A Coruña, 136 páxinas, 14,90 euros
Hai xa uns meses que se publicou o libro que hoxe me ocupa e non quixera deixar pasar máis tempo sen referirme a el, aínda que sexa moi brevemente. Trátase dun volume poético estruturado, tematicamente, por volta dunha comarca, do río que a atravesa e lle dá vida e tamén polas xentes que poboan ese territorio.
García Vaquero, así pois, articula un exercicio literario como podería ser doutra caste, isto é, un cadro, unha escultura, unha partitura porque é así, no ronsel da palabra poética, onde atopa a canle para dar conta dunha necesidade expresiva moi concreta que se estrutura a través de dezasete poemas que, á súa vez, se ordenan tanto en forma de haikus, en composicións que rescatan a vizosidade do lugar e nun espello figurativo das composicións a través dunha expresión en forma caligramática.
Velaquí, a meu entender, un exercicio pousado grazas ao cal viaxamos, ou máis ben remontamos río arriba: percorremos un espazo único grazas á palabra, á memoria e á vida. Un volume, paréceme, ditado por varias necesidades: pór en en valor ese espazo vital e propio desde unha distancia talvez física pero nunca emocional; subliñar a conexión co humus nutricio a través dunha reflexión que impulsa e proxecta a defensa da natureza e, claro é, a reivindicación poderosa dun río a protexer, cheo de historias singulares e que é unha revisión dese modelo clásico do paso do tempo. Tamén, e non por último menos importante, esa carraxe incontible que supón a ameaza de Altri que é, no fondo, unha ameaza e un atentado para Galicia toda.
Beizón ao autor por este libro, por esta achega tan precisa e fermosa, que posibilita pasear pola Ulloa, pola Ulloa de sempre.
