Manifestar que admiro, desde hai anos, a obra de Lupe Gómez non é dicir nada novo pois o que nos últimos anos me suscitou a palabra da escritora de Fisteus non está oculto en ningures. Aínda hai máis: é ben posible que lera máis textos da autora que non fun quen de recensionar, por falta de tempo ou por calquera outra razón.

Afirmo todo isto para compartir a miña alegría por encontrarme co que é o seu último libro publicado se non estou errado: Herbario da noite pecha, publicado pola Asociación Cultural Évame Oroza ao ser galardoado co I Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza en galego.

Non quebra aquí Lupe Gómez co mellor da súa estética, que case é o mesmo que dicir a súa ética, pragada de inequívoca sensorialidade e de respecto pola palabra ao ofrecernos un mangado de textos que se asoman, fundamentalmente, a ese pozo inesgotable que é a memoria para comezar, desde aí, unha viaxe ao infinito. Nese percorrido recupera a figura dun dos profesores que máis pegada deixaron nela, don Ramón, respectuoso coa cultura agraria e coa nosa propia lingua; alén diso, a segunda parte do libro vai centrarse por volta da figura da súa veciña María do Castrelo: muller configurada como símbolo de forza e personalidade, unha curandeira con poderes para sandar a todo o mundo agás para ela mesma, para concluír co apartado titulado “Biblioteca pública”, onde salienta a importancia dese espazo da cultura para ela, como fonte de lecturas e de coñecemento: “A lectura é cántico / que rompe e atravesa / os espazos escuros / dos nosos palacios.”, escribe.

Un percorrido, ao meu ver, poético -claro é- mais tamén abeirado á non ficción que repasa a formación da poeta proxectada en tres focos de atención: o da infancia no ámbito académico; o do ámbito vivencial da cultura agraria e aqueloutro onde cultivou a cultura libresca humanística no que Lupe Gómez salienta, desde hai ben anos, con forza propia. Ficamos á espera xa do seu A pintora, galardoado no XIII Certame de poesía López Ardeiro do concello de Negreira en 2024.