Eider Rodríguez

Material de construción (tradución de María Ramos Salgado)

Aira, Allariz, 200 páxinas, 19 €, 2024

En tradución do éuscaro a cargo de María Ramos Salgado, a editorial Aira ofrécenos un título que, a pouco que o acompañe certa visibilidade, ha ser das novelas máis suxestivas entre as traducidas á nosa lingua nos últimos tempos.

Primeira proposta, pois, de longo alento de Eider Rodríguez -tradutora, ensaísta, autora de cómics, de varios libros de relatos e, alén diso, profesora na Universidade do País Vasco- Material de construción abéirase ao eido da realidade ficcionada coa que se interna -con honestidade e sinceridade, sospeito que tamén con certas doses de dificultade- na reconstrución dos fíos afectivos que percorren a relación entre ela, unha filla que escribe, e o seu pai, que se describe -claro é- como un responsable traballador no seo dunha empresa familiar de materiais de construción -de aí tamén unha das lecturas que ofrece o título- e que se revela como alcohólico, o que sacode e perturba tanto a súa propia vida como a das persoas do seu arredor.

Velaquí como nesta revisión da historia familiar, da figura do pai e desa nai contundente, descrida e definida como un “órgano propagandístico”, tamén se revelan as claves da identidade da propia filla que nos fala na novela e do contexto social que agroma na súa formación como é a vila Errenteria nos anos oitenta. Asemade, acódese a unha estrutura coido que moi rendible como é a dos fragmentos rexidos por un xogo de voces de perspectiva diversa, en ocasións cun recendo coral, xunto con diferentes texturas como son o xénero epistolar ou diario e, ademais, con menos recorrencia do que a un lle gustaría esa sorte de pausas que reparan na palabra como ferramenta da creación: na súa orixe, evolución ou dimensión semántica nun corpo de notas a rodapé inesquecible.

Cómpre non esquecer que nestas páxinas, nese proceso de iluminación dun pasado latexa, malia o que poida semellar, malia a procura de certo distanciamento do que se conta, unha indubidable historia de amor, complexo se se quer, que vai engastarse, como contrapunto preciso, co concepto da vergoña, individual e colectiva, nun intento de comprender o ocorrido grazas á escrita que se estende, se cadra, nun longo proceso de dó que tamén é outro dos seus focos de interese.

Esta recensión viu a luz no suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia o 13 de setembro de 2024.