Katixa Agirre

As nais non (tradución de Isaac Xubín)

Aira, Allariz, 208 páxinas, 19 €, 2024

Dingo, Rodesia, Alaska… son termos que atesouran pequenos ou grandes dramas que se explican na novela. Tamén foron posibles títulos que cederon o seu paso a As nais non e que supón a segunda proposta que ve a luz en lingua galega da escritora gasteiztarra Katixa Agirre, neste caso en acaída versión de Isaac Xubín. Unha intervención narrativa de indiscutible éxito como testemuña que xa se traducise a case unha decena de idiomas e que goce, ademais, dunha versión cinematográfica deste mesmo ano dirixida por Mar Coll e comercializada baixo o título de “Salve, María”.

Cunha tonalidade distanciadamente irónica en ocasións, crúa noutras, Agirre afonda no proceso da creación de mans dadas coa maternidade, ou na idealización da maternidade e se cadra de aí proveña o sentido do título que se debe, se se quer, autocompletar. Faino a través da construción de dúas historias que se rozan,  parecen confluír e finalmente se afastan, malia deixar un  arrecendo identificable ao recrear unha temática común. Unha das historias persegue comprender, ou simplemente expor, un caso no que unha nai -Alice, tamén chamada Jade- afoga os seus dous bebés xemelgos nunha bañeira: infanticidio que outorga no proceso de revelación certas claves próximas ao thriller. Noutra trama parella explórase a vivencia da maternidade desde a perspectiva de conxugala coa necesidade de crear grazas a unha voz narrativa -a dunha escritora que solicita unha excedencia na que prioriza a necesidade de escribir- que beirea en ocasións o xogo da narrativa autoficcional cando confesa, por exemplo, que constrúe a Alice ao tempo que tamén ela mesma se reconstrúe; discurso ao que se suman aquí e acolá palabras de Sylvia Plath, Muriel Spark ou Doris Lessing.

  Ficción, autoficción, investigación, dietario, crónica, ensaio: todo por xunto fai pensar, como a autora sinala, que é este un exercicio literario produto dunha alquimia de moitos elementos en doses descoñecidas e, engadiría, moi ben acrisolada ao edificar un texto onde talvez o relevante sexa a solidez na formulación de preguntas que abalan entre a vida e a morte para que cadaquén as responda, se quere, sen prexuízos, estereotipos nin verdades absolutas.

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 15 de novembro de 2024.