Silvia López Gómez, Apolinar Varela e Manuela Vázquez Coto (coords.)
Patrimonio lúdico galego
USC-Xunta de Galicia, Santiago, 462 páxinas, 28 €, 2025
Patrimonio lúdico galego invita a perseverar nunha idea que todos deberiamos abrazar, isto é, entender o xogo como parte fundamental para o desenvolvemento das persoas
Entre os libros de ensaio publicados o ano pasado, e aos que un tivo acceso, ocupa ao meu ver un papel salientable este volume inspirado nos xogos tradicionais galegos e coordinado por Silvia López Gómez, Apolinar Varela e Manuela Vázquez Coto. Así, neste Patrimonio lúdico galego ofrécese, tal e como se sinala no subtítulo, un afondamento dirixido cara á investigación, aos recursos e á divulgación dos xogos tradicionais galegos.
Alén do prólogo institucional, Paco Veiga, membro fundador da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e autor de diversas obras sobre o patrimonio lúdico galego, deluva os contidos dunha publicación que revela moitas das iniciativas e dos pasos adiante que se deron neste ámbito nos últimos tempos. A este respecto resultan merecentes de reflexión as afirmacións incluídas neste limiar cando alude ao chamado diculturalismo, isto é, cando se asume que nun mesmo territorio existe a consideración dunha cultura que resulta “mellor” ca outra. De aí que apunte á necesidade de concibir estratexias que contemplen a “normalización cultural” como fase previa para acadar a “normalización lingüística” e onde “o patrimonio lúdico galego tería un papel protagonista reservado”.
Velaquí, así pois, unha actualización do estado da cuestión a través de 37 colaboracións que levaron a cabo un total de 42 persoas e que se distribúen en catro bloques temáticos que delimitan e indagan na dimensión semántica do sintagma “patrimonio lúdico”; afondan naquelas posibles estratexias que se poderían adoptar para dar novos pasos na investigación; sistematizan as ferramentas para a práctica nos xogos e deseñan un completo e rigoroso percorrido a través de accións que perseguen divulgar e pór en valor os xogos tradicionais.
Beizón, así pois, a todas as persoas e institucións que contaxian con entusiasmo a relevancia que se lle debe outorgar aos xogos populares. Sobre todo, se se me permite, ás que constitúen o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, que perseveran nunha idea que todos deberiamos abrazar, isto é, entender o xogo como parte fundamental para o desenvolvemento das persoas e que, ademais, alimenta singularmente a nosa dimensión identitaria.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia, o 9 de xaneiro de 2026.
